Friday 17 de May de 2024

Presentación da obra de Álex Pernas no teatro As Torres de Santa Cruz


O xoves 29 de febreiro ás 19:00 horas, Álex Pernas presentará a súa obra De entre as tebras no teatro As Torres de Santa Cruz. Intervirán no acto o propio autor e o escritor Alfonso Ricoy Devesa.

De entre as tebras é unha obra de relatos que, partindo dos seres e lugares da mitoloxía de Galicia, amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, fai un percorrido polo territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan; a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.

Alex Pernas desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software. No ámbito cultural formou parte de varias formacións musicais, estando na actualidade na banda de metal Oymyakon. De entre as tebras é o seu terceiro libro, despois da publicación da novela Xarfas e do libro de relatos A Paga.

Desde as bibliotecas municipais invítase a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.